24 jun 2010

UXÍO NOVONEYRA


O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Escolas Proval, con motivo da dedicación do Día das Letras Galegas ao autor courelán Uxío Novoneyra, organizou unha exposición de láminas arredor de textos dos diferentes universos tratados polo escritor acompañados de imaxes que recrean e axudan á visualización da escrita.

O metapaisaxismo como tema central, pero tamén o intimismo e o compromiso, son as temáticas desta documentación que promete ser un material de traballo interesante para vindeiras xeracións de estudantes do noso centro.

CANDIDO PAZÓ

O día 30 de abril o alumnado de primeiro ciclo da ESO do IES Escolas Proval desprazouse ao auditorio Lois Tobío de Gondomar para gozar da actuación de Candido Pazó, quen espertou neles un amplo sorriso contaminado polos máis revolucionados instintos adolescentes.

Foi unha actividade positiva que lles permitiu participar activamente e con disposición nun acto de lingua, cultura e actualidade fóra do espazo exclusivamente académico.

PANEL DE LINGUAS II - ACTIVIDADES

A expectación que levantou o noso Panel de Linguas foi abraiante. Os alumnos e alumnas procurando a súa lingua, a dos seus compañeiros, e mesmo algún a da súa fala entre a riqueza textual que se inxire entre as imaxes. Así, o Equipo de Normalización xunto co profesorado de Lingua galega, achegaron os diferentes grupos ao Panel das Linguas, pendurado aínda no patio de entrada ao centro, cunha serie de actividades que deberían traballar, orientadas por unha banda ao primeiro ciclo da ESO e por outra ao segundo ciclo e cursos superiores, actividades coas que se situaron arredor da polisemia do termo lingua e do coñecemento e realidade da súa e as súas linguas.

CONCURSO DE HAIKUS - RESULTADOS


O pasado 21 de maio entregáronse no auditorio Lois Tobío de Gondomar os premios ao haikus gañadores do 1º Concurso de Haikus do Val Miñor. Un concurso que nos descubriu interesantes traballos do alumnado dos catro IES participantes, dos que podemos ver os premiados e os que recibiron algunha mención especial no folleto que foi repartido no auditorio a participantes e asistentes.


Contamos ademais coa participación e actuación de Leo i Arremecaghona, quen ademais é autor dun libro de haikus que formaba parte do lote de agasallos que recibiron os premiados. De feito, o retraso na entrega desta parte do agasallo fixo que Leo se achegase aos IES a entregalo, e así podemos velo nesta fotografía que se fixo con parte do alumnado participante do IES Escolas Proval.