12 ene 2012

Resultados do concurso de camisetas


Xa temos aos gañadores do concurso de camisetas: o primeiro premio foi para Yolanda Sousa Pereira, (1º Bacharelato CSeH) polo traballo "Non deixes que che tapen a lingua"; o segundo foi para "Estilo Galego" de Sara Calvo Portela (1º Bacharelato C e T) e , por último, o terceiro premio foi para"Sentir en Galego" de Ana Mulet (1º A da ESO). Parabéns para as tres.

O concurso de chapas quedou deserto. O xurado entendeu que os deseños presentados non se axustaban ás bases.

Pódense ver os deseños premiados na sección Galerías da web de Proval

24 nov 2011

Concurso de camisetas e chapas

Concurso de deseño de camisetas e de chapas
Dende o ENL “O Chafarís de Proval” convocamos un concurso de deseño de camisetas e de chapas.
Queremos convidar aos mozos e mozas de Escolas Proval afeccionados ao deseño a mostrar as súas creacións mediante un sinxelo concurso.
Bases do concurso
Temática: promover o emprego do galego coma lingua habitual.
Obxectivo: Crear un deseño, orixinal, nada de copias, para unha camiseta ou para unha chapa de 38 mm de diámetro.
O deseño para a camiseta deberá ter unhas dimensións máximas de 20x30 centímetros (ancho x alto)
A estampación da camiseta será só no frontal, polo que só tes que deseñar a parte dianteira.
Deberá ter unha referencia a Proval (IES Escolas Proval, Escolas Proval ou Proval).
Deseño cun máximo de catro cores ou a unha tinta.
Un deseño máximo por participante.
Prazo de entrega: venres, 9 de decembro.
Poderán participar todos os alumnos e alumnas do IES Escolas Proval.
Xurado
Catro profesores colaboradores e catro alumnos do ENL.
Fallo do xurado e entrega de premios: á volta das vacacións de Nadal.
Premios
A difusión polo Val Miñor, por Galicia e polo mundo do teu deseño, da túa idea. Xuntos, o teu debuxo e o teu galego, serán promocionados, divulgados, espallados, GLO-BA-LI-ZA-DOS.
Camisetas
primeiro premio:
30 camisetas co teu deseño para agasallar a quen queiras.
impresión do teu deseño en 200 camisetas para a súa venda a través do alumnado de 4º de ESO.
segundo premio: 15 camisetas co segundo mellor deseño.
terceiro premio: 10 camisetas co terceiro mellor deseño.
Chapas
primeiro premio:
30 chapas co teu deseño para agasallar a quen queiras.
impresión do teu deseño en 500 chapas para a súa venda a través do alumnado de 4º de ESO.
segundo premio: 15 chapas co segundo mellor deseño.
terceiro premio: 10 chapas co terceiro mellor deseño.
Presenta os teus deseños
Para participar no concurso deberás entregar nun sobre aberto o teu deseño ao Equipo de Normalización Lingüística “O Chafarís de Proval” indicando:
“Para o concurso de camisetas” ou “para o concurso de chapas”
O nome do teu deseño
No interior do sobre aberto meterás outro sobre pechado no que figure por fóra o nome do teu deseño e no seu interior unha folla co teu nome, curso e grupo.
Participa e difunde polo Val, por Galicia, polo mundo, o teu deseño, a túa idea

1 jul 2010

Oradoiro de hip hop con AID


No pasado mes de maio, a rapeira viguesa AID foi a encargada de achegar dun novo xeito o galego ao segundo ciclo de ESO do IES Escolas Proval.

Tratouse dun obradoiro de hip hop no que AID e os seus dou acompañentes fixeron que o alumnado participase nas rimas da rapeira, á vez que comprobaron os pasos do break dance e viron como se elabora un graffiti.

24 jun 2010

UXÍO NOVONEYRA


O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Escolas Proval, con motivo da dedicación do Día das Letras Galegas ao autor courelán Uxío Novoneyra, organizou unha exposición de láminas arredor de textos dos diferentes universos tratados polo escritor acompañados de imaxes que recrean e axudan á visualización da escrita.

O metapaisaxismo como tema central, pero tamén o intimismo e o compromiso, son as temáticas desta documentación que promete ser un material de traballo interesante para vindeiras xeracións de estudantes do noso centro.

CANDIDO PAZÓ

O día 30 de abril o alumnado de primeiro ciclo da ESO do IES Escolas Proval desprazouse ao auditorio Lois Tobío de Gondomar para gozar da actuación de Candido Pazó, quen espertou neles un amplo sorriso contaminado polos máis revolucionados instintos adolescentes.

Foi unha actividade positiva que lles permitiu participar activamente e con disposición nun acto de lingua, cultura e actualidade fóra do espazo exclusivamente académico.

PANEL DE LINGUAS II - ACTIVIDADES

A expectación que levantou o noso Panel de Linguas foi abraiante. Os alumnos e alumnas procurando a súa lingua, a dos seus compañeiros, e mesmo algún a da súa fala entre a riqueza textual que se inxire entre as imaxes. Así, o Equipo de Normalización xunto co profesorado de Lingua galega, achegaron os diferentes grupos ao Panel das Linguas, pendurado aínda no patio de entrada ao centro, cunha serie de actividades que deberían traballar, orientadas por unha banda ao primeiro ciclo da ESO e por outra ao segundo ciclo e cursos superiores, actividades coas que se situaron arredor da polisemia do termo lingua e do coñecemento e realidade da súa e as súas linguas.

CONCURSO DE HAIKUS - RESULTADOS


O pasado 21 de maio entregáronse no auditorio Lois Tobío de Gondomar os premios ao haikus gañadores do 1º Concurso de Haikus do Val Miñor. Un concurso que nos descubriu interesantes traballos do alumnado dos catro IES participantes, dos que podemos ver os premiados e os que recibiron algunha mención especial no folleto que foi repartido no auditorio a participantes e asistentes.


Contamos ademais coa participación e actuación de Leo i Arremecaghona, quen ademais é autor dun libro de haikus que formaba parte do lote de agasallos que recibiron os premiados. De feito, o retraso na entrega desta parte do agasallo fixo que Leo se achegase aos IES a entregalo, e así podemos velo nesta fotografía que se fixo con parte do alumnado participante do IES Escolas Proval.