14 abr 2010

CONCURSO DE HAIKUS DO VAL MIÑOR

De cando en vez
as nubes danlle repouso
aos namorados da lúa.
Basho
Os equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros IES Auga da Laxe, IES Escolas Proval, IES Terra de Turonio e IES Val Miñor, coa colaboración dos seus departamentos de Lingua e Literatura Galega, organizan para o segundo ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria o 1º Concurso de Haikus, unha das formas da poesía tradicional xaponesa máis estendidas.
As bases do concurso , (aquí), están a disposición do alumnado en cada un dos centros, nos que ademais, nalgún caso, se celebrarán fases previas de clasificación.
O peche desta actividade será cun acto público o 21 de maio no que se contará coa actuación de Leo i Arremecághona, actuación á que estará convidado o alumnado participante no certame.

PANEL DE LINGUAS

"Eu non falo o que ti falas
que eu non falo por falar
pero, mira, xa que falo,
en que lingua vou falar
lingua viva, lingua morta
bota a lingua para falar"

Antón Reixa


Nunha das entradas ao centro IES Escolas Proval permanece pendurada dende finais de marzo unha atractiva e sorprendente iniciativa que deixou plasmada nun panel de dous por tres metros a mestura das imaxes das linguas fisicas de boa parte do alumnado , profesorado e persoal do centro con textos en lingua escrita de autores galegos coñecidos onde figura citado o termo lingua.
Deste xeito, o Equipo de Normalización do centro convídanos a reflexionar sobre o verdadeiro significado da lingua en cada un de nos, ou quizais das linguas, porque aquí son varios os significados e múltiples as reflexións que podemos extraer do termo protagonista: a lingua, a nosa.

CONCURSO LINGUAS DE AMOR















O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística organizou no mes de febreiro o concurso de poemas "Linguas de Amor". Tomando como pretexto o Día dos namorados e o sempre apaixonante casamento dos paxaros no Día da Candeloria, convidamos ao alumnado a presentar as súas composicións poéticas coas que, ademais de afondar nas súas dotes artísticas e poder compartilas cos seus compañeiros e compañeiras, poderían optar a diversos premios.
Os premiados no concurso foron:
  • 3º : Ana Belén Vilar (S2B) co poema "Chegou pisando as pozas"
  • 2º : Laura Rodríguez (S2B) co poema "Amor, amor"
  • 1º : Diego Sandín (S2A) co poema "Chispas de Amor"
E as chispas de amor, como ben lle soubo chamar o noso gañador, ficaron expostas no taboleiro do corredor que está a carón da aula 27. Alí puidemos gozar da lectura, non só dos poemas premiados, senón tamén dalgúns versos doutros participantes.
Os premios que recibiron foron un CD de música galega actual, de Som do galpom, Loretta Martin e Dios Ke Te Crew.

Agardamos que esta iniciativa teña continuidade e que o vindeiro ano se vexa incrementada a participación e o noso alumnado deixe saír o poeta ou poetisa que leva dentro.

3 nov 2009

Roteiro literario ourensán






Aquí
O día 21 de outubro o alumnado de 4º da ESO realizou unha saída didáctica a Ourense acompañado dos profesores Xilberte Manso, Bieito Legaspi e Isabel Acea, coas seguintes actividades:
-Visita ao castro de San Cibrán de Las, no Concello de San Amaro, onde comprobaron, grazas ás minuciosas explicacións de Xilberte, a importancia e dimensión deste castro, e fixeron un percorrido deica a coroa.
-Visita á Casa-Museo de Trasalba de D. Ramón Otero Pedrayo, onde ademais de percorrer os cuartos da casa familiar, as rapazas e rapaces presenciaron unha montaxe teatral de Sabela Gago (do grupo Sarabela de Ourense) a partir duns contos de D. Ramón.
-Ruta d´A esmorga, que lles permitiu coñecer as paradas dos protagonistas da novela de Blanco-Amor, así como a parte histórica e literaria do centro de Ourense (a Rúa da Paz, catedral, diversas estatuas de persoeiros como o propio Blanco-Amor ou o Carrabouxo...)
-Visita e relaxante baño dos afortunados, os que quixeron, nas pozas de Outariz.

29 oct 2009

Chega o SAMAIN! Sabemos o que é?






Chega a festa do SAMAIN!

A noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta e a súa festa en honor dos defuntos, marcando a transición do outono ao inverno, nesta noite, un pobo con fondas crenzas relixiosas relacionadas coa inmortalidade da alma, provintes da noite dos tempos, cunha preocupación natural polos queridos defuntos expostos ao frío e á escuridade do inverno, á intemperie e á tristura dos camposantos, buscou, e encontrou un mecanismo de reparación: preparando alimentos e agasallos os parentes vivos, para os parentes mortos, sería posible que as ánimas dos parentes finados voltasen a visitar ás súas familias e ás súas vellas casas para comer nas mesas e para quentarse ao carón do lume da lareira.


Estacións do ano celta. O ano celta estaba organizado arredor de catro festas principais. As festas repartíanse tendo en conta a súa natureza e significado orixinal: dúas delas estarían asociadas á apertura e peche das estacións:

Samain, 1 de novembro, comezo do inverno, a estación sombría
Beltain, 1 de maio, o comezo do verán
Había outra celebración central, de equilibrio:
Lugnasad, 1 de agosto, coincidindo coa recollida dos froitos
E unha última festa arcaica, que podería relacionarse co cumprimento dunha cerimonia obrigatoria:
Imbolc, 1 de febreiro, cristianizada posteriormente.

A antiga festividade céltica do Samain foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis aló, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.

A festa do Samain, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Nesa data prendíanse lumes sagrados frotando pólas de serbal e teixo. Con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas.

Polo Samain era costume baleirar nabos de grande tamaño –posteriormente cabazas- para porlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda en Galicia- ten continuidade nas festas de Halloween, que poderían ter exportado aos Estados Unidos os irlandeses no século XIX e comezos do XX.

Fonte: http://www.xuvecurtis.com/

28 oct 2009

Lectura para 1º da ESO: O cocho de carreiras Rudi Fuciños


Boa parte do alumnado de 1º de ESO do IES Escolas Proval comeza o seu camiño pola lectura na materia de Lingua Galega cunha divertida obra: O cocho de carreiras, Rudi Fuciños, tradución do autor alemán Uwe Timm e ilustrada por Alfredo López Fernández (Tokio).

Neste libro, dividido en 29 breves capítulos, cóntasenos como o cocho Rudi, que un día lle toca nunha tómbola a Zuppi, chega a formar parte dunha peculiar familia da cidade coa que mesmo chega a compartir casa.

A familia de Zuppi, que está formada por un pai exiptólogo en paro, unha nai profesora e tres fillos, acabará acomodándose a vivir co porco despois de compartir alegrías e desgustos, que os levarán finalmente a vivir na casa dun campo de deportes onde descubrirán a verdadeira afección de Rudi, o novo campión das carreiras de cochos.

E aos lectores e lectoras, que vos parece esta aventura?

BENVIDA AO CHAFARÍS DE PROVAL

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Escolas Proval comeza a súa particular andaina na rede coa inauguración deste blog, O chafarís de Proval. Este non deixa de ser un medio máis de achegármonos a todos e todas e de compartir con vos algúns aspectos, prácticas e coñecementos que consideramos de interese, á vez que procuramos a contribución de todas as persoas que se presten a participar neste proxecto cos seus comentarios e suxestións.

Non pretendemos ir máis alá do que o propio nome do blog representa, un chafariz que co seu chorro salfira de lingua, cultura e experiencias a todos os que nel decidimos e decidades participar.